ACE (Active Campus Europe)

16 universidades buscan estratexias comúns para crear campus activos e fomentar hábitos de vida saudables fronte ao sedentarismo

As 16 universidades que forma parte do proxecto Active Campus Europe manteñen dende comezos desta semana en Finlandia a segunda xuntanza desta rede de institucións saudables. Ao longo de catro días os representantes das universidades españolas, finesas, alemás, inglesas, irlandesas, holandesas e portuguesas, coordinadas pola RWTH Aachen University, están a desenvolver unha serie de coloquios, talleres e debates para avanzar nas estratexias para o fomento de estilos de vida saudables e do deporte nos campus europeos. O proxecto, que arrancou en febreiro cun orzamento de 510.299 € para dous anos, é o primeiro programa Erasmus+ que se concede a un tema relacionado coa actividade física universitaria. A Universidade de Vigo é unhas das 16 institucións europeas implicadas nesta iniciativa e a Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade de Vigo é a encargada da promoción e a difusión do proxecto nos campus universitarios de toda Europa.

Na xuntanza desta semana na cidade finlandesa de Turku, cuxa universidade é unhas das participantes no Active Campus Europe, a Universidade viguesa estivo representada polo responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Javier Rial, que é o responsable da coordinación do proxecto na institución viguesa e o decano da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Vicente Romo, que é membro do grupo responsable de análise de datos sobre actividade física e avaliación.

Xunto coa Universidade de Vigo, neste proxecto participan outras 15 universidades de sete países: a Universidade de Barcelona, as finlandesas Tampere University of Applied Science e a University Turku; as inglesas de Imperial College London e Middlesex University; as irlandesas Trinity College Dublin e University College Dublin; as holandesas Maastricht University e Eindhoven University of Technology TU/e; a Universidade de Minho por Portugal e, finalmente as alemanas de BU Wuppertal, RFWU Bonn, Ruhr Universität Bochum, RWTH Aachen University e WWU Münster. Esta diversidade é unas das principais características do proxecto, como explica Vicente Romo, xa que “están representados sete países de diferentes partes do continente, dende o Mediterráneo ata Escandinavia, diferentes culturas con diferentes estilos de vida pero co obxectivo común de procurar unha solución a problemas comúns, como son a obesidade, o sedentarismo e os hábitos de vida nocivos”.

Loitar contra a pandemia da obesidade

O profesor Vicente Romo destaca que en Europa a obesidade é “unha pandemia” que require dunha actuación efectiva e coordinada para frear o sedentarismo e os estilos de vida que afectan negativamente á saúde. Este é un tema prioritario e moi sensible e, segundo Romo, as universidades deben liderar a procura de estratexias por unha vida saudable. Neste marco xorde o Active Campus Europe, destinado tanto ao alumnado como ao profesorado e ao PAS, e ten como obxectivo que as universidades socias fagan unha posta en común de boas prácticas tanto no fomento dos diferentes deportes como, dun xeito máis amplo, da promoción da actividade física, a saúde e os hábitos de vida saudables para toda a comunidade universitarias. “Non se trata só de practicar deporte, senón de xerar comportamentos estables no tempo e no espazo, fomentando, por exemplo, un transporte activo, en bicicleta ou camiñando, optando polas escaleiras en lugar dos ascensores... trátase, en definitiva, de que a comunidade universitaria sexa máis activa”.

Un dos puntos a tratar ao longo da xuntanza desta semana foi a posta en común dos programas e actividades que cada unha das universidades ten posto en marcha coa finalidade de fomentar a actividade física e os hábitos saudables. O obxectivo é realizar unha guía de boas prácticas locais que se poidan estender e exportar ao resto das universidades socias, e no caso de Vigo optouse por propoñer o programa personalizado En Boa Forma, os Roteiros Culturais e os Martes Saudables. Neste sentido, o decano da Ciencias da Actividade Física e do Deporte destaca que en España as universidade de Vigo e Barcelona, ambas implicadas neste proxecto, son punteiras na posta en marcha deste tipo de estratexias que loiten contra o sedentarismo e remarca que “as universidades deben ser referentes sociais e marcar o ritmo de cambios sociais necesarios coma este, non se trata só de innovar, temos que crear tamén políticas activas de fomento dos hábitos de vida saudables”.

Cambiar o coche pola bici ou as camiñatas

Para Vicente Romo o cambio de hábitos e actitudes que se procura con este proxecto europeo vai moito máis aló de practicar un deporte dúas ou tres veces á semana e, de feito, destaca que existen moitos estudos que demostran que “en contra dos tópicos, en España practícase máis actividade física da que se cre”. Pero aínda queda moito por facer, xa que en comparación con outros países como Holanda ou Finlandia, o transporte aos campus, por exemplo, é un dos puntos que máis atención require. “Está claro que a orografía de cidades como Ámsterdam ou Helsinki favorece que a comunidade universitaria deixe o coche e opte por desprazarse en bici ou andando” recoñece. Por iso defende a necesidade de urbanizar e adecuar os campus e as súas contornas, de xeito que a realización da práctica de actividades físicas sexa sinxela e agradable, “como se está a facer co Green Campus en Pontevedra”. De conseguir un impacto efectivo que mellore a saúde da sociedade no seu conxunto, “isto a longo prazo traduciríase nun aforro asistencial e sanitario”.

Próxima xuntanza do Active Campus Europe será en Londres no mes de decembro, mentres tanto as 16 universidades comezarán a coordinar as actividades para establecer a guía de boas prácticas.